Iniciamos dende a Fundación Terrum o proxecto Castellum Terrae (aka: Proxecto Castelo), unha proposta de agroforesterı́a análoga na que crearemos un bosque de alimentos nunha finca de perto de dúas hectáreas chamada O Castelo que foi adquirida pola fundación recentemente e que se atopa a poucos metros da propia Delegación de Lugo no lugar do Regato, na parroquia de San Vitorio de Ribas de Miño (O Saviñao) en pleno corazón da Ribeira Sacra luguesa.

O terreo foi previamente un monocultivo de piñeiral (pinus pinaster) que quedou degradado trala corta e sen aproveitamento agrı́cola dende hai case dez anos. Actualmente atópase en barbeito e en proceso natural de sucesión ecolóxica cara a unha matorreira de xesta, codeso e diversas adventicias. A superficie ten unha inclinación moderada propia da zona, que en conxunto forma parte dos canós do Miño Medio, actualmente asolagados polo encoro de Belesar, o cal lle da a todo o entorno un carácter de media montaña ao pé dunha lagoa. Dende a cima norte contamos cunha paisaxe especialmente fermosa, na que se divisa a Serra do Faro ao completo nos concellos de Chantada, Rodeiro e A Golada, e tamén boa parte da ribeira do concello de Taboada. No contorno, especialmente nas partes que lindan con camiño público, conta con algunhas árbores xa asentadas de diferente porte como carballos, castiñeiros, cirdeiras e algunha nogueira. No interior, no medio do pequeno val que constitúe o predio, atópase xeorreferenciado pola Confederación Hidrográfica de Miño-Sil o nacemento do rego denominado Regato, se ben na realidade hai xa lustros que o seu nacemento se foi desprazando cara abaixo a outras fincas en dirección oeste a causa da alteración do réxime hı́drico e da perda de masas forestáis monte arriba chegando a secar boa parte do ano.

En termos climáticos, o espazo no que habemos desenvolver este proxecto atópase incluı́do nun clima atlántico oceánico con rasgos continentáis, con invernos e vraos máis rigurosos, menor precipitación que na costa e ventos ocasionalmente intensos. A bisbarra atópase escasamente poboada habendo pouca actividade humana, o que favorece a presenza de fauna salvaxe diversa: xabarı́n, raposo, corzo, xeneta, teixo, aves, rapaces, reptı́s, anfibios, etc.

Principios

A implementación deste proxecto faise dende o punto de partida de tres modelos prácticos dos que o campesiño xaponés Masanobu Fukuoka foi pioneiro, e que son os que actualmente resoan de xeito máis armónico cos fins da propia fundación: permacultura, agricultura rexenerativa e agricultura sintrópica e serán os que proporcionen os principios e técnicas básicas no seu desenvolvemento ao longo do tempo, xa que -polas súas caracterı́sticas intrı́nsecas- o proxecto se constitúe dende un hourizonte a longo prazo, mesmo xeracional. Doutra banda, a propia fundación conta xa cun proxecto similar anterior –o Bosque da Memoria-, sito na sede central do Val do Dubra e do que éste viría a ser unha extensión e unha profundización.

Permacultura

Fundada polos ecoloxistas Bill Mollison e David Holmgren na década de 1970 a permacultura (neoloxismo derivado de ”cultura” e ”permanente”) é un sistema de deseño baseado na observación e imitación dos procesos naturais para crear entornos humanos viableis resilientes a longo prazo. O seu obxectivo é establecer sistemas agrı́colas, enerxéticos e sociais que sexan autosuficientes, xestionen os recursos de forma eficiente e fagan un uso respectuoso do medio ambiente.

Os principios fundamentáis da permacultura son:

  1. Coidar da terra: protexer e restaurar os ecosistemas naturais, millorando a saúde do solo, a biodiversidade e os recursos naturais.
  2. Coidar das persoas: fomentar comunidades xustas, equitativas e colaborativas, que aseguren as necesidades humanas básicas e o benestar de tódolos membros.
  3. Repartir os excedentes: distribuı́r de maneira equitativa os recursos e os excedentes creados polos sistemas para garantir a xustiza social e ecolóxica.
  4. Observar e interactuar: observar os sistemas naturais e os seus patróns antes de actuar, adaptándose ás condicións locais e millorando as intervencións.
  5. Capturar e almacenar enerxı́a: aproveitar os recursos renovables e locais de forma eficiente, almacenando enerxı́a e materiais cando estean dispoñibles.
  6. Obter un rendemento útil: asegurarse de que os sistemas son produtivos e proporcionan os bens e servizos necesarios para satisfacer as necesidades humanas.
  7. Aplicar a auto-regulación e a realimentación: adaptar os sistemas para que se autoregulen e corrixan automaticamente os posibles problemas, evitando a sobreexplotación dos recursos.
  8. Producir sen residuos: minimizar a xeración de residuos, reutilizando materiais e recursos dentro do propio sistema.
  9. Deseñar dende os patróns ao detalle: comezar o deseño observando os patróns máis xeráis do sistema e ir facendo o deseño máis detallado conforme se comprendan millor os procesos naturais.
  10. Integrar en troques de segregar: fomentar a interacción e a colaboración entre elementos do sistema para que traballen xuntos, creando sinerxias que aumenten a súa eficiencia.
  11. Usar solucións pequenas e lentas: priorizar as solucións de baixo custe, baixo impacto e fácil implementación, que se desenvolven de maneira gradual.
  12. Valorar a diversidade: apostar pola diversidade tanto na natureza como nas persoas, o que permite aumentar a resiliencia e a capacidade de adaptación aos cambios.

A permacultura é unha ferramenta potente e versátil que se adapta perfectamente ás necesidades dunha sociedade rural no século XXI, no fin do antropoceno e no colapso civilizatorio derivado do fin das enerxı́as fósiles dispoñibles a grande escala e nas crises culturais, sociais e ambientais subsecuentes.

Agricultura rexenerativa

A agricultura rexenerativa é un enfoque agrario que procura a superación do xa caduco e prostituı́do concepto de ”sostibilidade”enfocándose na restauración e millora activa dos ecosistemas, especialmente no referente á saúde dos solos e ao aumento da biodiversidade, ao tempo que se producen alimentos. A súa finalidade é millorar a capacidade produtiva da terra potenciando os mecanismos ecolóxicos da fertilidade e simultaneamente reducir o impacto ambiental da actividade agrı́cola, recuperando os danos causados polas prácticas convencionais.

Os seus principios básicos son:

  1. Millora da saúde do solo: a traverso de prácticas que aumentan a presencia de materia orgánica do solo, reforzan a súa estructura e favorecen a actividade biolóxica.
  2. Diversificación de cultivos: fomentar a biodiversidade de especies no agroecosistema, promovendo a rotación de cultivos, a integración e interacción simbiótica de especies e, en definitiva, a creación de sistemas agroecolóxicos máis complexos.
  3. Minimización da labranza: reducción ou eliminación de procedementos de perturbación mecánica do solo (arado, fresado, rastrelado, etc.) para evitar a súa erosión, millorar a súa estructura e favorecer a actividade microbiolóxica.
  4. Uso de compostaxe e fertilización orgánica: emprego de materias orgánicas como compost ou esterco pra millorar a fertilidade do solo sen depender de fertilizantes sintéticos.
  5. Cobertura do solo: manter o solo cuberto con plantas ou restos vexetais (como mulch) para evitar a erosión, millorar a retención de humidade e favorecer dinámicas edafolóxicas que potencien a biodiversidade.
  6. Xestión holı́stica da paisaxe: planificación dos cultivos, a fauna e a flora nunha estrutura integrada que favoreza a saúde do ecosistema de xeito global.
  7. Captura de carbono: favorecer a captura e fixación de carbono no solo a través de prácticas como o uso de cultivos de vida longa, a millora da estrutura do solo e a prantación de árbores.
  8. Millorar a disponibilidade e a calidade da auga: potenciar sistemas fisico-biolóxicos que aumenten a retención e produción de auga, fixándoa no lugar por infiltración, producindo microclimas por evotranspiración vexetal, impedindo a súa escorrentı́a sen control e millorando a calidade por procedementos de filtrado e biorremediación presentes no propio sistema.
  9. Resiliencia ao cambio climático: aumentar a capacidade do sistema agrario para adaptarse a condicións climáticas extremas, como sequı́as ou choivas intensas, millorando a súa capacidade de recuperar e manter a produtividade.
  10. Revitalización da economı́a e da sociedade: xerando emprego digno e oportunidades no mundo rural, fortalecendo a soberanı́a alimentar e a produción intensiva a pequena escala, de proximidade e con alimentos sans e de calidade.

Resumindo: a agricultura rexenerativa supón un paradigma diferente na produción agrı́cola que centra a súa mirada no chan, nos procesos da súa fertilidade natural e no respeto aos procesos ecosistémicos que nil acontecen. Polo tanto este enfoque guiará en boa parte a aproximación dende a que abordaremos o proxecto.

Agricultura sintrópica

A agricultura sintrópica é un enfoque cultual desenvolvido polo agrónomo, xenetista e ambientalista suizo Ernst Götsch, que sintetizou a partires do estudo das prácticas de foresterı́a ancestráis de pobos orixinarios de América do Sul e que se centra na restauración e xestión ecolóxica de sistemas agrı́colas. A idea central é traballar coas dinámicas da natureza e concretamente acompañar e potenciar a eficacia dos procesos da sucesión ecolóxica para crear sistemas agrı́colas que sexan cada vez máis productivos e resilientes, ao mesmo tempo que se milloran os ecosistemas e se restauran os solos.

A agricultura sintrópica busca a sintropı́a, ou sexa, a creación de auto-organización interna, armonı́a e abundeza en contraposición á entropı́a, que é a tendencia á desorganización e a escaseza interesada na que rematan os sistemas inorgánicos e artificiais dominantes. Esta filosofı́a de traballo agrario ten como obxectivo organizar as interaccións entre as especies para imitar os procesos biolóxicos naturais, aumentando a produtividade ao tempo que se millora o solo e a biodiversidade.

Os principios fundamentais da agricultura sintrópica son:

  1. Imitación da sucesión ecolóxica natural: traballar cos procesos naturais de sucesión ecolóxica para restaurar os ecosistemas agrı́colas e millorar a súa capacidade produtiva de xeito progresivo.
  2. Uso de cultivos permanentes: fomentar o uso de plantas de ciclo de vida extenso (que se manteñen ao longo dos anos) para reducir a alteración do solo, millorar a súa estrutura e reducir os custos de xestión.
  3. Diversificación das especies: cultivar unha gran variedade de especies (arbustos, árbores, plantas fixas, cultivos agrı́colas) en grande densidade que interactúan de maneira sinérxica, millorando a fertilidade do solo, a biodiversidade e a resistencia a pragas.
  4. Cobertura permanente do solo: manter sempre o solo cuberto cunha capa de vexetación ou de materia orgánica para evitar a erosión, millorar a retención de auga e promover a actividade microbiana no solo.
  5. Non usar produtos quı́micos artificiais: evitar o uso de fertilizantes e pesticidas sintéticos, favorecendo a fertilización natural (como compostaxe, esterco, mulch) e control biolóxico das pragas.
  6. Acumulación de carbono no solo: aumentar a materia orgánica do solo e capturar carbono, o que millora a súa estrutura e a súa capacidade de potenciar os procesos biolóxicos, incluida a retención de auga, ao tempo de que contribúe á mitigación contra o cambio climático.
  7. Traballar minimizando ao máximo os insumos externos: na medida na que se pretende traballar coas leises naturais de ciclado de materiais, xerar sinerxias ecolóxicas e fortalecer procesos de autorregulación e resilencia. Os sistemas agro- forestais sintrópicos tenden a empregar recursos locais e evitar insumos externos, co cal aumenta o rendemento e o balance económico nos mesmos.
  8. Agricultura en capas: ou traballo en estratos. Os sistemas agroforestais sintrópicos imitan a estructura dun bosque natural, utilizando diferentes niveis de plantas, desde as máis baixas (herbáceas) ata as máis altas (dosel arborado), para maximizar a produción e a eficiencia nos procesos fotosintéticos e no aproveitamento e ciclado da auga.
  9. Restauración ecolóxica: a agricultura sintrópica tamén ten un forte enfoque na restauración de paisaxes degradadas, millorando a saúde do solo e recuperando ecosistemas danados con técnicas de biorremediación, co cal se constitúe nun caso especı́fico dentro da agricultura rexenerativa previamente citada.

A sintrópica céntrase pois na xestión dos procesos, frente á foresterı́a convencional que se centra nos insumos. Por outra banda as densidades de plantación son sustancialmente maiores das que habitualmente se manexan nas prácticas convencionais. Tamén se fai especial énfase na necesidade de establecer un consumo de kilómetro cero que permita aos nutrintes pechar os ciclos naturáis, a diferencia da agricultura industrial que traballa para suministrar productos a un mercado globalizado. O certo é que os resultados empı́ricos dos sistemas baseados en agricultura sintrópica son realmente espectaculares, con tasas de produción verificadas moi por riba dos conqueridos con sistemas convencionáis. Por outra banda é certo que requiren nas etapas iniciais un manexo constante e unha interacción continua, pero dende o punto de vista sintrópico esto únicamente manifesta o papel que a especie humana terı́a na biosfera: a de xestora e cocreadora de vida. Dende a nosa perspectiva é un papel que pensamos tan desexable como axeitado e necesario no medio do antagónico proceso de extinción masiva ao que o capitalismo tecnoindustrial ten levado a todo o planeta.

Conclusión

En definitiva: os principios teóricos e prácticos que guiarán o Proxecto Castellum Terrae proveñen de fontes e tradicións diversas, sen que esteamos fechados a novas aportacións que podan ir xurdindo ou rematemos por elaborar as nosas propias. En todo caso o principio básico é o de actuar conforme á realidade biolóxica e ás leises fundamentais da ecoloxı́a, sempre orientados a conquerir un ecosistema estable, abondoso e diverso que se integre no social e aporte valores éticos e educativos no colaborativo.

Obxectivos

Nun proxecto destas caracterı́sticas non queda outra que abordar dous tipos de obxectivos, dependendo da escala temporal na que se ubiquen, a curto e longo prazo.

Obxectivos a curto prazo

  • Avaliación e deseño do sistema agroforestal
    • Análise das condicións do lugar: avaliar as caracterı́sticas do terreo, o clima, os recursos hı́dricos, a biodiversidade existente e os patróns de fluxo de nutrintes.
    • Deseño da integración de especies: definir a disposición e combinación de cultivos, árbores e plantas no sistema agroforestal. Esto inclúe a selección de especies autóctonas ou adaptadas ao clima local e a súa disposición para maximizar a sinerxia e a resiliencia do sistema.
    • Estabelecemento de zonas e estratos: usar os principios da permacultura para organizar o espazo en función das necesidades, recursos e fluxos de enerxı́a do sistema (por exemplo, áreas de cultivo, zonas de vexetación perenne, barreiras de vento, corredoiras de fauna, etc.).
  • Milloramento inicial da saúde do solo
    • Acondicionamento dos solos: implementar prácticas para restaurar a saúde do solo, como a aplicación de compost, abonos verdes, cobertura do solo con mulch e a introdución de microorganismos beneficiosos.
    • Control da erosión e millora da retención de auga: instalar medidas de control da erosión, coma sucalcos ou canles de infiltración e aplicar técnicas para millorar a capacidade do solo para reter auga, como o uso de coberturas vexetais ou sistemas de captación de auga de choiva.
  • Implementación de prácticas agroforestais e sintrópicas iniciais
    • Sementeira de cultivos e árbores pioneiras: iniciar a plantación de especies chave que actúen como piares do sistema, como árbores de rápido crecemento, especies de servizo, cultivos perennes e plantas que aporten fertilidade (por exemplo, leguminosas).
    • Desenvolvemento da dinámica de sucesión ecolóxica: aplicar as técnicas da agricultura sintrópica, que promoven o uso da sucesión natural de plantas para fortalecer o ecosistema agrı́cola, creando unha maior diversidade estrutural.
  • Estabelecemento dunha base comunitaria e educacional
    • Formación e participación comunitaria: involucrar á comunidade local, a grupos de afinidade e ás persoas da Fundación no proxecto, ofrecendo capacitación sobre prácticas rexenerativas e agroecolóxicas.
    • Xeración de conciencia ambiental: sensibilizar sobre a importancia das técnicas rexenerativas, a agricultura sintrópica e a permacultura, promovendo un cambio cara a un modelo de produción agrı́cola máis resiliente e respectuoso co medio ambiente. Neste punto, non descartamos colaboración puntual con algunha das institucións que están en condicións de achegar estes conceptos a un conxunto máis amplo da poboación, como concellos, deputacións, etc.

Obxectivos a longo prazo

A longo prazo, os obxectivos débense expandir cara á rexeneración ecolóxica profunda, á estabilidade e resiliencia do sistema e á creación dun modelo replicable que sexa económicamente viable e que poida contribuir á afrontar os grandes retos de supervivencia que estamos comezando a sofrer: alteración climática, pérdida de biodiversidade, contaminación, colapso dos modelos civilizatorios previos, etc.

  • Rexeneración da biodiversidade e millora dos servizos ecosistémicos
    • Restauración da biodiversidade do solo e a fauna: incrementar a biodiversidade da fauna e flora, promovendo a rexeneración de hábitats naturais e facilitando a conexión de diferentes ecosistemas do entorno a través de corredoiras biolóxicas.
    • Millora dos servizos ecosistémicos: asegurar que o sistema agroforestal proporcione servizos de forma activa como a polinización, a millora da cantidade e calidade da auga, o refuxio de biodiversidade ameazada, a captura de carbono e a protección contra a erosión e a contaminación.
  • Estabilidade e resiliencia a longo prazo do sistema
    • Autonomı́a do sistema: desenvolver un sistema agrı́cola que, co tempo, sexa capaz de funcionar de xeito autosuficiente en termos de nutrintes, auga e biodiversidade sen a necesidade de insumos externos e que se manteña fundamentalmente estable e autoregulado.
    • Ciclo pechado de nutrintes: promover un ciclo de nutrintes pechado onde os residuos das colleitas, o compost e outros excedentes orgánicos sexan reciclados de novo no sistema, reducindo a dependencia de insumos externos e promovendo o consumo local.
  • Aumento da produtividade agrı́cola rexenerativa
    • Diversificación de cultivos e fontes de ingresos: crear un sistema agrı́cola diversificado que permita obter múltiples produtos a partires da mesma parcela, reducindo os riscos de mercado e aumentando a rendabilidade do proxecto a longo prazo.
    • Produción de alimentos saudables e de calidade: asegurar que a produción agrı́cola estea orientada á calidade dos produtos (frescos, saudables, vitáis, saborosos e sen agrotóxicos) e poida abastecer tanto o autoconsumo como a demanda de mercados locais ou mesmo o troco.
    • Produción de produtos alternativos e servizos: expandir a produción a outros bens de consumo: madeira, frebas vexetáis, productos medicinais e tamén a servizos asociados: agroturismo, aulas didácticas, roteiros, etc.
  • Interconexión e expansión do modelo
    • Modelos de colaboración e redes: Fomentar redes de colaboura entre agricultores, institucións e comunidades, para compartillar coñecementos e promover a creación de novas iniciativas baseadas na rexeneración de ecosistemas e espazos agrarios.
    • Escalabilidade do modelo agroforestal: a medida que o sistema se estabilice, explorar a posibilidade de replicar o modelo noutras áreas, facilitando a capacitación e o soporte técnico para expandir a implementación da agroecoloxı́a rexenerativa.
  • Mitigación do cambio climático e restauración da vitalidade
    • Captura de carbono: desenvolver un sistema que contribúa activamente á captura de carbono mediante a cobertura vexetal intensiva do territorio e a millora da saúde do solo, contribuı́ndo á mitigación do cambio climático.
    • Resiliencia fronte a ameazas: aumentar a capacidade do sistema agroforestal para adaptarse a eventos extremos: inundacións, secas, lumes forestáis, etc. empregando principios como a diversificación de cultivos e a xestión eficiente da auga e dos manexos.
    • A vitalidade como finalidade: crear un entorno natural e autosuficiente onde os procesos ecolóxicos se poidan desenvolver de forma principalmente autónoma levando ao ecosistema a un estado de clı́max.

Recensión

O proxecto agroforestal Castellum Terrae é un proxecto ambicioso que se proxecta no tempo pero que inicia dende o agora. Estamos seguros de que a súa materialización ha plasmar en tódala súa extensión os fins da Fundación Terrum, que está igualmente vencellada á terra pero sen esquencer a súa dimensión social. Agardamos co proxecto vos resulte interesante e que vos animedes a inspirarvos nil e a mergullar tamén as vosas mans na rexeneración da vida natural.

Terra e Liberdade!